Persoas

Solicitude de subsidio por desemprego

Axuda de declaración de rendas en cómputo mensual

O apartado Rendas do solicitante debe encherse en todos os casos.

O apartado Datos e rendas do cónxuxe e Datos e rendas dos fillos debe encherse sempre que teña cónxuxe e/ou fillos menores de 26 anos ou maiores con discapacidade, así como os menores acollidos, que convivan co solicitante ou que estean economicamente ao seu cargo, salvo que solicite o subsidio para maiores de 52 anos, de emigrantes retornados, de liberados de prisión, por expediente de revisión de invalidez ou de esgotamento de prestación contributiva sen responsabilidades familiares, ou o especial de maiores de 45 anos.

Debe indicar todas as rendas obtidas por Vde., o seu cónxuxe e fillos no mes anterior ao da data de solicitude, calquera que sexa o réxime económico matrimonial, a súa orixe e natureza, con carácter xeral polo seu importe bruto e tendo en conta as seguintes consideracións específicas:

  • Traballo/pensións: Inclúe o total das rendas brutas do traballo por conta allea (agás as daquel no que cesase o solicitante ou os membros da súa unidade familiar), bolsas ou outras axudas similares e mais o importe da indemnización por extinción do contrato de traballo que supere a indemnización legal. Exclúense as rendas obtidas polo solicitante por traballos de colaboración social e os salarios do solicitante percibidos por traballos compatibles coas prestacións por desemprego en programas de fomento de emprego. Comprende os ingresos brutos de todo tipo de pensións e prestacións, incluídas as pensións alimenticias e os salarios sociais ou similares, excepto a prestación da Seguridade Social por fillo ao cargo e o cobro anticipado da dedución fiscal da muller traballadora con fillos menores de 3 anos.
  • Capital mobiliario: Inclúe os rendementos brutos das contas bancarias e investimentos financeiros.
  • Capital inmobiliario: Comprende os rendementos brutos dos bens inmobles arrendados e as imputacións de rendas de bens inmobiliarios non arrendados e diferentes da vivenda habitual.
  • Actividades profesionais/agrarias: Indican o rendemento neto reducido (ingresos menos gastos) dos distintos tipos de actividades por conta propia e o importe neto das subvencións á actividade agraria.
  • Outras rendas: inclúen as rendas das plusvalías ou ganancias patrimoniais derivadas da venda de bens mobles e inmobles, excepto o da vivenda habitual, premios de lotería ou similares e o rendemento presunto do patrimonio, fondos de investimento ou plans de xubilación, obtidas pola aplicación da regra do cálculo das rendas.